Blog

Rosa e cravele. 50+1 pezas para guitarra

«Rosa e cravele» é o nome dunha fermosa cantiga que contén este álbum de cincuenta e unha pezas folclóricas galegas, do folclore internacional e de autor, arranxadas por Manuel Herminio Iglesias. Trátase de obras adaptadas a un nivel inicial de guitarra clásica (aproximadamente, dende os seus inicios ata o principio das ensinanzas profesionais). As súas características fano un texto idóneo para o traballo interpretativo dos e das estudantes que se inician no instrumento na nosa terra.

O autor pretende aportar un material para que tanto nas Escolas de Música como nos Conservatorios o alumnado teña a posibilidade de interpretar pezas galegas e, ao igual que noutros lugares do mundo, escoite e execute sen complexos o seu patrimonio musical. Tamén vai dirixido a aqueles guitarristas que, carecendo de material baseado no acervo cultural galego, manteñan a inquietude de acceder a el para coñecelo, ensinalo e interpretalo.

O autor segue, así, a serie comezada con Froles d’ouro.