Le un fragmento:
“A derradeira noite que pasei no lar paterno, os meus irmáns e o meu pai foron durmir coma se fose unha noite máis: foi a última vez que puiden ver a luz dourada que se reflectía nas lousas e paredes mentres se ía extinguindo. O meu desexo era salvar a vida da familia, reparando tanta pobreza. Oíndo a respiración de Santiago e randeando o meu brazo esquerdo ao bordo da cama, coma se estivese navegando, fun adormecendo.
Agora recoñezo que me despedía para sempre.
Porque, coma todos, eu cría que saía facer unha campaña, unha cruzada, na que o importante era o regreso triunfal. Iamos facer fortuna, non para afincarnos: agora que se escoita tanta trompeta patriótica na que os recentemente chegados queren ser máis arxentinos que o ombú, eu afirmo que é mentira; que quedamos atrapados polas circunstancias, que non fixemos outra cousa que non tivese por mira o regreso ao terruño; e que a pampa padecémola do mesmo xeito que ela nos aguantou. Nada máis.
E aínda que sei que os meus ósos quedarán en terra arxentina hai algo meu que se resiste. Porque naquel momento que agora revivo con papel e lapis, eu crin que me despedía por un tempo, por unha tempada.”